O pasado mércores 23 de novembro celebrouse unha reunión do Comité co obxectivo de mellorar as condicións
de traballo do persoal desta empresa de multiservizos en dous aspectos
principais: o tempo de traballo e as condicións económicas. Posteriormente tivemos unha
asemblea nos locais de CCOO en Vigo este sábado día 26 á que asistiu máis da
metade do persoal.
Nesta asemblea explicouse a proposta que
sobre bolsa de horas e melloras salariais se trasladou por parte do Comité de Empresa (formado por 5 persoas de CCOO) nesa reunión coa dirección, así como a
intención de mellorar as condicións de traballo tanto a nivel estatal coa
negociación de renovación do Convenio Colectivo de empresa, como nos centros de
traballo desta provincia.
Un dos problemas que se detectou neste primeiro encontro coa Dirección foi a falta de disposición a aceptar a proposta
do Comité por entendela desmesurada e non axustada ao actual Convenio de Empresa que se atopa en ultractividade.
Tras expoñer a situación aos asistentes á
asemblea, decidiuse que o Comité prepare unha nova proposta buscando o
obxectivo xeral inicial de mellora de condicións e se volte a presentar á
dirección, valorando a posibilidade de iniciar mobilizacións no caso de que as
súas xustas reivindicacións non se teñan en conta.